O albariño Mar de Envero acompañará as creacións do chef Shinya Fukumoto no Fórum Gastronómico da Coruña

Shinya Fukumoto e o albariño Mar de Envero no Fórum Gastronómico da Coruña

12/03/2015

O chef nipón Shinya Fukumoto impartirá, o domingo 15 de marzo, un taller no Fórum Gastronómico da Coruña, no que elaborará propostas orientadas a descubrir as posibilidades culinarias da orella de mar ou abalón, un molusco que seduce aos xaponeses. O viño elixido para acompañar as súas creacións é o albariño Mar de Envero elaborado sobre lías, que polas súas características ofrece unha excelente maridaxe coa cociña oriental.

Restaurante Ca' Sento, de Shinya Fukumoto

En 2011 Shinya Fukumoto converteuse, aos 32 anos, no chef con tres estrelas Michelin máis novo de Xapón e o segundo máis novo do mundo. O seu restaurante, Ca' Sento (Kobe), caracterízase por unha cociña delicada, agradable aos cinco sentidos, na que as influencias da alta cociña moderna española conviven con outras procedentes da vella xeración culinaria de Kyoto.