Mari Watanabe, experta en gastronomía española e directora da Academia de Gastronomía y Cultura Española de Tokio (Xapón), publicou na revista nipoa Acueducto a crónica dunha das súas viaxes a Galicia, durante a que visitou a adega de Rías Baixas Mar de Envero. Acueducto é unha publicación centrada na difusión do mundo hispánico en Xapón, con tirada impresa trimestral, edición dixital e un equipo de redacción integrado polo claustro de profesores da Universidade de Linguas Estranxeiras de Kyoto, personalidades españolas e expertos hispanistas. A visita ás instalacións da adega Mar de Envero permitiu a Mari Watanabe probar os dous viños que esta elabora. No seu artigo lembra que o albariño criado sobre lías Mar de Envero xa lle chamara a atención no seu país, primeiro polo seu poético nome e, tras degustalo, polas súas calidades, entre as que destaca «o sabor e estrutura moi profundos, xerados polas lías». Así mesmo, a experta recoñece a súa sorpresa tras catar por primeira vez o albariño monovarietal Troupe, ao que se refire como «un viño novo e divertido para gozar en calquera momento que, nada máis abrilo, me permitiu sentir un aroma con glamour e moi atractivo». Acompañada por Manyo Moreira, enólogo da adega Mar de Envero, Mari Watanabe tamén visitou o Mosteiro Cisterciense de Armenteira (Pontevedra). Alí, ademais de apreciar a beleza do orballo galego acumulado sobre as pedras cubertas de musgo, descubriu a popular historia que vincula este lugar coa posible chegada, no século XII, das primeiras cepas de albariño a Galicia.