Mar de Envero e o 13

Mar de Envero arranca el 2013

02/01/2013

Xa está, sucedeu. Por fin chegou o 13 e, para non desmerecer a ocasión, fíxoo dun xeito moi acorde coa súa historia: precedido dun augurio apocalíptico. Así pois, unha vez superado o fin do mundo, reconvertido a touro pasado en cambio de ciclo, chega o ano marcado por un número que non deixa indiferente a case ninguén.

Que podemos esperar del?

Resulta innegable que, xa sexa por cuestións numerológicas ou por atavismos inexplicables, o 13 adoita ir acompañado dunha pesada cruz cuxa carga comparte con aqueles máis sensibles ao poder da superstición. Un poder ao que, neste caso, vén a sumarse a marfallada de predicións económicas, auténtico nuboeiro escuro e tormentoso que, no mellor dos casos, resulta contraditorio e inextricable.

Entón, ante este panorama, que deberiamos esperar do 13?

Fagámolo sinxelo: unha recarga de 365 días cheos de retos e emocións, aos que haberá que facer fronte con enerxía e ilusión. Para Mar de Envero, o 13 supoñerá deixar atrás o primeiro lustro de vida, cinco anos que nos serviron para aprender, mellorar e avanzar, un proceso sen fin que seguiremos alimentando con novas ideas, novos proxectos e novos esforzos.

Dito isto, en Mar de Envero só desexamos unha cousa: que o 13 nos permita ser mellores, facendo o que máis nos gusta da forma que nos gusta facelo, co noso propio estilo, para que todos os que gozan co que facemos poidan gozalo un pouquiño máis.

Brindemos por iso!