Achegamos calidade sen entrar na guerra de prezos

30/9/2012 - Voz de Galicia - De vinos

Texto: J.M. Orriols

Novos bodegueiros

Miguel Moreira estudaba enxeñaría técnica agrícola en Lugo, pero a súa paixón era a enoloxía. Por iso preparouse nun centro especializado en Ponteareas e comezou a traballar no que en realidade o atraía: o mundo do viño. Despois de traballar en varias adegas españolas, pensou que chegara o momento de elaborar o seu propio viño e con dous socios máis, lanzouse á aventura de crear a marca Mar de Envero, alugando parte dunha adega e comprando e controlando a produción de uvas dos seus provedores.

«Foi un pouco loucura - explica Miguel - pero a ilusión pode con todo e así, pouco a pouco, fómonos facendo un oco no mercado cun viño de calidade, pouca produción e un prezo razoable, aínda que nunca poderemos entrar nesa guerra de prezos das grandes adegas»

Unha iniciativa tan arriscada como novidosa.

A idea xorde polo que vin noutros países, non inventei nada, pero pareceume interesante e sobre todo realizable e con futuro. Nuns tempos tan difíciles, é certo que partimos en desvantaxe con respecto aos que xa están establecidos, pero non o é menos o que conseguimos, a base de traballo, ilusión e imaxinación, moito para tan pouco tempo. O noso mercado natural é o español, pero xa temos clientes en México, Reino Unido, Suíza e Xapón, o que nos dá ánimos para seguir adiante. Galicia ten un gran potencial no mundo do viño e nós imos aproveitalo.

E chegar a ter a vosa propia adega.

Estou seguro que o conseguiremos, porque nos apoiamos na máxima calidade e a innovación. Temos dous viños, o Mar de Envero e o Troupe, cunha mesma base, pero con distintas formas de elaboración. O primeiro é un viño que me leva un ano elaboralo, porque fago unha crianza sobre lías, que son os fermentos naturais da fermentación e que lle dan ao viño estrutura, corpo e máis duración no tempo. O Troupe é un viño novo, unha explosión aromática de froitas de óso, mazá verde, suave, limpo e fresco que, ao neófito, lle adoita gustar máis. É un viño máis apto para o chateo que tanto se fai en Galicia e que o seu propio nome, inspirado nos anos vinte, xa nos adianta que é o ideal para compartir cos amigos, coa tropa. Naceu realmente, porque o cliente nolo pedía.

Supoño que toda esta ilusión terá un obxectivo ¿En que está a traballar o enólogo?

Teño moitas ideas e proxectos, pero gustaríame poder traballar con variedades autóctonas, elaborar viños exclusivos,conseguir ese viño galego ideal que teño na cabeza. O que acontece é que teño que baixar á realidade e pensar que o que non é rendible, hoxe por hoxe, non é viable.