Albariños de Mar de Envero, pouca cantidade e moita calidade

Albariños de Mar de Envero, poca cantidad y mucha calidad

15/4/2012 - La Voz de Galicia

Texto: Tamara Montero

Fotografía: Xoán A. Soler


Tras obter varios galardóns coa súa primeira oferta, a adega compostelá lanza un novo caldo: Troupe. A filosofía da firma pasa por coidar ata o máis mínimo dos detalles nunha produción pequena pero mimada.

A primeira botella de Mar de Envero viu a luz en abril do 2008 grazas aos esforzos de Manyo Moreira e Breixo Reymóndez, enólogo e economista, ambos os dous composteláns e namorados do bo viño. Agora, e tras anos de arduo traballo, moitos quilómetros, decenas de presentacións, feiras e sobre todo, as ganas de promover Galicia e crear riqueza na terra que os viu nacer, viu a luz o segundo caldo da adega, Troupe, cunha imaxe máis fresca, máis novo, pero co mesmo mimo e a calidade coa que se elabora o albariño que os fixo famosos. Troupe naceu o pasado 30 de marzo e aínda non se iniciou a súa distribución. Terá un prezo de ao redor de 8 euros, un pouco menos que o seu primoxénito, Mar de Envero -que se comercializa a uns 11 euros a botella- e é «máis doado de beber», segundo relata Manyo Moreira. Foi "case unha demanda de mercado". A súa elaboración é máis sinxela, cun tempo de ao redor de seis meses, e leva unha maceración da pel para extraerlle todo o potencial aromático. Mar de Envero, pola súa banda, é un viño "máis complexo" no que os neófi tose poden perder certos matices, e que se elabora sobre lías - os fermentos que cando rematan de fermentar, a falta de nutrientes, se morren. Moitos as fi ltran, pero Moreira déixaas en contacto co viño- o que produce un caldo "máis estructurado, máis denso". En total, de Troupe prodúcense ao redor de 20.000 litros, mentres que de Mar de Envero se comercializan uns 15.000 litros. Moito? Máis ben o contrario. Por poñer un exemplo, grandes marcas como Martín Códax producen ao redor dun millón de litros. "Pero as grandes empresas céntranse na cantidade máis que na calidade", aclara Breixo Reymóndez. É precisamente ese mimo e esa produción limitada o que fai de Mar de Envero un produto especial. Tanto é así, que coidan mesmo onde se vende o caldo."Normalmente encóntrase en restaurantes" e en Asturias, o primeiro mercado que abriron xunto con Galicia "Mar de Envero está en varios restaurantes con estrela Chicha", aclara Breixo, máis dedicado ás fi nanzas dunha empresa que ten na capital de Galicia o seu "pulmón", posto que o feito de ser composteláns lle abriu moitas portas na hostalaría da cidade: na súa primeira semana, xa estaban presentes nunha vintena de establecementos. Agora, eles devolven o favor aos que os impulsaron dende o principio. Fano xerando riqueza e traballo na cidade e, se non é posible, no resto de Galicia. A empresa que lles leva a comunicación, os que participaron no vídeo de presentación de Troupe, a imprenta... todos son de Compostela e os seus arredores. E como a crise afecta a todos, o novo obxectivo de Mar de Envero é saltar fronteiras. Esta semana viaxaron a Xapón para presenta os seus caldos " e dar a coñecer Galicia", algo que fan en todas as súas presentacións porque tal e como afi rma Moreira, a comunidade "ten calidade de sobra para ser recoñecida". Mar de Envero xa se comercializa en Inglaterra e México e "en breve, esperamos que tamén en Xapón". De todos os xeitos, ambos os dous socios saben que a expansión "leva tempo" e require esforzo. «Levamos atacando dende hai tempo» en frontes como Bélxica, Holanda, Luxemburgo, México, Estados Unidos e Canadá, por exemplo. Levan Galicia por bandeira e achegan ao mundo unha terra que se descoñece a pesar de que saben que é o albariño. E a competencia? "Para que che fagas unha idea, hai 200 adegas Rías Baixas e máis de 600 marcas" que producen viños desta denominación. Os tempos son duros, pero eles naceron ao abeiro da crise. As puntuacións nas guías especializadas de 90 sobre 100, e medallas de ouro nacionais e internacionais, así como o premio á mellor imaxe de viño branco, aválanos e supoñen "unha palmadiña nas costas" que os impulsa a continuar pola senda que iniciaron no 2007: "Partimos dun bo produto" e a xente deulles boa acollida.

Seis hectáreas de viñedos

A oficina de Mar de Envero, en Santiago, é o pulmón do negocio. Pero o corazón está en Ribadumia; exactamente nas seis hectáreas de viñedos no Val do Salnés, onde se produce a materia prima que logo se transforma en aplaudidos caldos. Terras en réxime de aluguer que non foi sinxelo seleccionar: "Hai que coñecer xente", aclara Manyo Moreira. E por que Envero? Porque envero é o momento no que se inicia a madureza do froito, cando a uva gaña dulzor e cambia de cor, o que adoita acontecer co sol de agosto. E Mar? Introducir a palabra mar no selo obedece á imaxe dos viñedos no Roseira, onde o verde do vexetal se fonde co mar, creando unha paisaxe ondulada. Curiosamente, a denominación Mar de Envero naceu en agosto, cando mar e envero se funden..